Nigrán legaliza a ampliación do cemiterio de Camos despois de 30 anos

A ampliación do Cemiterio de Camos realizada hai 30 anos é xa definitivamente legal despois de permanecer este tempo sen regularizar. O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou o 13 de agosto a resolución tras recibir o visto bo definitivo da Consellería de Sanidade despois de un ano de trámites para adaptalo á Lei de Sanidade Mortuoria de Galicia. Esta resolución será publicada proximamente no BOP.

O camposanto, non municipal, estaba operativo pero sen ter os permisos necesarios, polo que a petición da propia presidenta da comunidade de propietarios, Alcira dos Santos, o Concello tomou a iniciativa de mediar coa Xunta para liquidar este asunto. Esta legalización súmase á obtida en febreiro deste ano do Novo Cemiterio de Priegue (no que o Concello tamén intermediou) e no ano 2016 do Cemiterio de Nigrán e Parada, estes dous últimos municipais e que arrastraban o mesmo problema.

Tal e como recolle a resolución, a regularización foi posible despois de que o Concello actuase de conformidade co previsto na Disposición Adicional Primeira do Decreto 151/2014 do 20 de novembro de sanidade mortuoria de Galicia no que se establece un procedemento extraordinario para regularizar cemiterios sen autorización sanitaria. Neste sentido, a Consellería de Sanidade comunicou o pasado 9 de agosto (despois de revisar a documentación e inspeccionar o camposanto) que non existían obxeccións dende o punto de vista sanitario; previamente, o 30 de maio, a Xefatura Territorial de Cultura e Turismo tamén o autorizou a través de Patrimonio, dándose así por finalizados os trámites.

“Grazas ao traballo conxunto coa comunidade de propietarios do cemiterio de Camos, a regularización foi posible e o cemiterio cumpre con toda a lexislación vixente, algo fundamental para obter calquera servizo. Estamos moi satisfeitos de ter regularizado catro camposantos en só catro anos”, sinala o alcalde, Juan González.