O PP de Baiona denuncia o abandono das zonas verdes

O Partido Popular de Baiona denuncia o abandono das zonas verdes do municipio. “Parécenos un despropósito así como falta de sensibilización o estado de moitas zonas verdes baionesas por parte do novo equipo de goberno”, afirma o seu portavoz, Ángel Rodal, quen lamenta que “a nosa vila deixou de ser un municipio con colorido nas súas zonas verdes en todas as parroquias a todo o contrario por falta de mantemento, abandono das nosas fontes, lavadoiros e ríos inclusive en zonas céntricas como a mesmísima Julián Valverde en Sabarís, con todas as súas xardineiras con flores secas por falta de rega”.

Rodal manifesta que isto dá mostra de deixamento ambiental, “pero chegando ao extremo de descoidar zonas tan emblemáticas como a contorna da nosa fortaleza, de Santísima Trindade ou o mesmísimo patio dos peregrinos situado na recentemente inaugurada Biblioteca e Arquivo Municipal, un dos nosos referentes culturais e que no mes de agosto tivo catro presentacións de libros, onde os asistentes puideron observar o abandono do noso patrimonio así como os centos de peregrinos que se sacan unha foto á beira da estatua da Trindade e que o seu estado actual non convida a iso”.

Desde o PP baionés entenden que a promoción e desfrute dos moitos e variados elementos patrimoniais de Baiona comeza co respecto e sensibilización coa súa contorna.