O PP de Gondomar pide a creación de novas rutas de transporte e a ampliación doutras

A portavoz do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, presentou onte ante o director xeral de Mobilidade o escrito de alegacións ao anteproxecto do Plan de Transporte regular de viaxeiros por estrada da comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, no que solicitou a ampliación do prazo para a presentación de alegacións. “O Partido Popular de Gondomar sempre estivo moi comprometido co transporte público de Gondomar, por ser este un elemento necesario e imprescindible no día de hoxe para a mobilidade dos veciños, ademais de favorecer a loita contra o cambio climático coa eliminación de vehículos particulares, caso de ter unha boa oferta de transporte público”.

Entre as alegacións que o PP gondomareño presentou está a revisión das tarifas que afectan ás viaxes dende Gondomar, que nalgúns casos están mais altos do que indica o Plan de Transporte de Galicia. Así mesmo fan fincapé en que na redacción do documento se tivo en conta a demanda actual do servizo pero que resulta evidente que este estudio non recolle as necesidades reais, tendo en conta a problemática que Gondomar tivo durante as últimas décadas cos enfrontamentos entre as dúas compañías que ofrecían o servizo Gondomar-Vigo, e que nos últimos anos se veu acrecentada co incumprimento sistemático de horarios por parte da empresa Melytour, motivo polo cal foi sancionada en varias ocasións polo Servizo de Transportes, e que motivou que os veciños de Gondomar tiveran que buscar outras alternativas para os seus desprazamentos.

Outra das demandas que fan ao anteproxecto, é a necesidade de tres paradas esenciais no concello de Vigo como son a de Travesas, Povisa e Praza de España co fin de facilitar o acceso dos veciños as institucións como Xulgados, Facenda, Povisa e zona comercial de Vigo.

Tamén consideran imprescindible unha liña que comunique Gondomar co Campus Universitario de Vigo (CUVI) e o Meixoeiro (con varios centros educativos e un hospital), tendo en conta os numerosos estudantes, traballadores e profesores que residen no concello e que teñen a necesidade de realizar este desprazamento, polo que piden a ampliación da ruta XG88345 (Alto San Colmado-Cuvi-Meixoeiro-Vigo) para que chegue a Gondomar. Así mesmo e co fin de dotar dos mesmos servizos aos veciños do Val Miñor solicitan ampliar o servizo nocturno entre os concellos de Baiona, Nigrán e Vigo incluíndo ao concello de Gondomar, un servizo moi importante sobre todo para os mozos, facilitando os seus desprazamentos entre as zonas de ocio na fin de semana.

“Neste proxecto estivemos traballando os membros do PP do Val Miñor. Como froito dese traballo e co fin de elaborar unha boa proposta que favoreza os desprazamentos e a mobilidade de todos os veciños, incluso entre as diferentes parroquias que compoñen o concello de Gondomar e os concellos de Baiona e Nigrán que conforman o Val Miñor, propuxemos varias liñas que percorran as distintas parroquias comunicándose entre elas tendo en conta os polígonos de Porto de Molle e A Pasaxe como xeradores de persoas que necesitan desprazarse”, manifestou Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar, quen tamén engadiu “esperamos que todos os veciños aporten o máximo posible ao anteproxecto para entre todos conseguir unha mellor comunicación por estrada”.

Anuncios