Anuncios
Ticker de novas

Baiona inaugura mañá “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”

FOTO: RUTH MATILDA ANDERSON // Raias secando ao sol en Baiona, 11 de marzo de 1926.

Mañá xoves, día 14 de xuño, a Capitanía Marítima de Baiona acolle a inauguración e unha visita guiada pola mostra fotográfica “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”.

Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante fóra do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse do 14 de xuño ao 15 de xullo na Capitanía Marítima de Baiona (Elduayen, 20), de luns a domingo en horario de 19:00 a 22:00 horas.

A EXPOSICIÓN

“Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia” presenta setenta imaxes que constitúen un completo relato documental dunha época de transición debido á entrada de potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós. Ruth Matilda Anderson recolleu en imaxes e en anotacións minuciosas o que atopou nas súas expedicións -a primeira, acompañada do seu pai entre 1924 e 1925, e a segunda, coa súa compañeira investigadora na Hispanic Society, Frances Spalding, entre 1925 e 1926-.

Esta exposición forma parte do programa estratéxico da Área de Cultura de Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. A colaboración de ABANCA, institución que comparte esta premisa dinamizadora do coñecemento, posibilita que o legado fotográfico de Anderson poida ser contemplado en Galicia. O seu traballo asentou a metodoloxía investigadora que habería de adoptar The Hispanic Society of America, que, durante o pasado ano, expuxo unha selección dos seus fondos no Museo Nacional do Prado.

O Concello de Baiona asinou un convenio con ABANCA e Afundación grazas ao cal poderá acoller dita mostra fotográfica.

Anuncios