O PSOE de Baiona considera que o Plan de Transporte da Xunta “fomenta o uso do vehículo privado”

A Agrupación Socialista de Baiona, visto o Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia, vén de presentar alegacións ao mesmo “pola desazón que provoca devandito plan na comarca do Val Miñor e sobre todo para Baiona”. Os socialistas lembran que se trata dun plan a 10 anos, 2020-2030, “onde se paraliza o desenvolvemento económico da nosa comarca”. Segundo o PSOE o estudo económico beneficia ás macro empresas de transporte e elimina a competencia das pequenas empresas locais. Tamén destacan o dano ambiental “por un deseño que segue fomentando o uso do vehículo privado e non uso do transporte público”.

Nas alegacións, os socialistas solicitan unha interconexión regular dos tres municipios do Val Miñor e os seus polígonos empresariais, como son Porto do Molle en Nigrán e A Pasaxe en Gondomar, xa que o consideran “vital” para o desenvolvemento empresarial da comarca. Así mesmo, ven necesaria a conexión entre as distintas parroquias de Baiona, cunha liña circular que pase polo centro da Real Vila. “Daría un impulso económico ao comercio local e facilitaría as visitas médicas necesarias”.

Outras conexións imprescindibles para o PSOE son unha liña regular co Hospital Álvaro Cunqueiro, centro de referencia da comarca, e outra co Campus Universitario de Vigo. “Un dos eixos básicos de fronte ao futuro para a dinamización de Baiona e a súa contorna está nos seus mozos, que necesitan máis que nunca o uso do transporte público para completar os seus estudos e inserirse no mercado laboral”. Finalmente, tamén consideran de vital importancia dotar ao Instituto Primeiro de Marzo e ao Colexio de Cova Terreña de paradas de autobús, para comunicar aos alumnos das parroquias e mesmo da Guarda e de Oia con estes centros.

Anuncios