Dúas empresas atrasan a finalización da senda de Gondomar a Ramallosa

Os voceiros do Partido Popular de Gondomar e Nigrán, xunto co xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e representantes da empresa construtora, percorreron este luns a senda que une Gondomar con Ramallosa para ver in situ as deficiencias comunicadas polos veciños e analizar as causas da demora no remate da obra.

Entre as deficiencias que analizaron están a reposición dos servizos por parte de Fenosa, o que provoca que non se poida executar a rotonda no cruce da estrada de acceso a Borreiros na zona da Xunqueira. Así mesmo, puideron comprobar como pola demora desta empresa aínda estean sen retirar postes que hai no medio da senda en todo o seu percorrido, ou incluso na parte da vía dedicada ao paso de vehículos como pasa nas inmediacións do instituto Proval, entre outros lugares.

No caso de Movistar se lle fixo saber aos representantes da Xunta de Galicia e á empresa construtora, que hai veciños de Gondomar que non poden ter acceso á fibra porque se soterraron as arquetas de servizo telefónico o que impide que poidan pasar o cable para dar servizo aos veciños.

José Luís Díaz comunicoulles aos representantes do PP que tanto a Fenosa como a Movistar se lles comunicou con antelación suficiente que procedesen á reposición dos servizos e que ante a demasiada demora optaron por avanzar na obra á espera de que estas empresas foran facendo o seu traballo. No que respecta a Movistar se lle comunicou que tiña que subir as súas arquetas de rexistro á cota da obra, así como a reposición dos postes que están en mal estado, e que agora o que teñen que facer é realizar esas obras para poder ofrecer o servizo de fibra que reclaman os veciños de Gondomar, cousa para a cal teñen a autorización da administración para realizala en canto teñan a ben.

“Nesta obra se realizaron todas as acometidas de servizo público, alumeado, saneamento, abastecemento, pluviais, etc., pero os servizos privados teñen que cada quen facer as obras que lle foron requiridas pola administración, e ante a demora das mesmas optamos por continuar a obra e seguir reclamando ás empresas de servizos”, manifestoulles o xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade José Luís Díaz, quen ademais lles confirmou que nestes momentos xa están traballando na retirada dos postes que impiden a construción da glorieta no cruce da Xunqueira, e agarda que os sigan retirando ao longo da senda.

Os representantes do PP de Gondomar e Nigrán puideron comprobar o estado actual das obras e agradeceron a José Luis Díaz e á empresa construtora a disposición absoluta para realizar as obras necesarias que permitan o remate da obra e poder ser desfrutada por todos os veciños do Val en óptimas condicións, ao mesmo tempo que recoñeceron as trabas que poñen as empresas de servizos como Fenosa na retirada de postes e reposición das acometidas e que por desgraza sempre se padece cando se fan obras na vía pública.

Anuncios