Botín e Marra recibirán en Baiona o Premio Nacional de Vela ao Mellor Equipo Olímpico

O tándem cántabro-galego formado por Diego Botín e Iago López Marra acaba de sumar unha nova distinción á súa gran traxectoria deportiva. O xurado que outorga os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda decidiu distinguilo co galardón ao Mellor Equipo Olímpico por ser unha das tripulacións máis destacadas da vela olímpica española.

En 2016 ambos representaron a España na categoría 49er dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro, aínda que non lograron subirse ao podio; e o seu equipo é unha das bazas máis prometedoras para as próximas olimpíadas de Tokio 2020, unha aspiración na que xa se atopan traballando.

Coa vista e o esforzo centrado na cita nipoa, Botín e Marra continúan encadeando premios e distincións. Un dos máis destacados lográrono en 2018 en Gdynia (Polonia), cando se subiron ao máis alto do podio do Europeo de 49er. Era a segunda vez que conseguían colgarse o ouro dun europeo tras a vitoria lograda en 2016.

Neste 2019 volveron gravar os seus nomes no cadro de honra do europeo celebrado na cidade inglesa de Weymouth, aínda que se tiveron que conformar coa medalla de bronce.

O santanderino Diego Botín, de 25 anos; e o sonense Iago López Marra, nacido en Portosín (Galicia) en 1990; lograron a súa primeira medalla xuntos en 2012 na Christmas Race de Palamós (Xirona), na que competiron xuntos. Dous anos despois, en 2014, reencontráronse e empezaron a soñar cunhas olimpíadas, un proxecto que, tras ano e medio de traballo, daría os seus primeiros froitos en 2016, coa súa participación nos xogos olímpicos de Río de Janeiro, nos que quedaron novenos.

Na actualidade, desde o seu sétimo posto na clasificación mundial de 49er, adestran co adestrador nacional de 49er Pepe Lis e compiten para lograr a clasificación de España para as olimpíadas de Tokio 2020. Tratarán de conseguilo no mundial de Nova Zelandia e se o logran, aínda terán que gañarse o ser eles quen compita nos xogos.

Ambos levan toda a vida ligados á vela de diferentes maneiras. A Diego os seus lazos coa náutica véñenlle do seu pai Gonzalo, armador de barcos laureados; e do seu tío Marcelino, destacado deseñador naval. Empezou a navegar aos 7 anos animado polo seu pai e logrou ser subcampión de Europa de Optimist, campión de Europa de l’Equipe, e campión mundial xuvenil de 49er con Pablo Turrado.

Tamén desde moi novo empezou familiarizarse coa vela Iago, enxeñeiro naval de titulación. Fíxoo a través do Real Club Náutico de Portosín, a súa localidade de nacemento, onde navegou en Optimist, 420, 470 e finalmente 49er. Non se esqueceu tampouco das grandes esloras, nas que competiu en diferentes tripulacións. Na actualidade é un dos regatistas galegos máis destacados do panorama nacional.

Anuncios