Obxectivo conseguido: o CB Nigrán arranca con todas as categorías

O CB Nigrán inicia unha ilusionante e nova tempada na que vai cumprir un novo obxectivo, ter equipos en todas as categorías, desde baby ata júnior (tanto masculino como feminino) ademais do sénior masculino, continuando así o seu crecemento tal e como vén facendo desde que en 2014 comezase esta nova andaina. Un total de 11 equipos repartidos nas categorías baby, benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior e sénior que comezarán os seus adestramentos de forma progresiva a próxima semana.

Esta nova tempada traerá tamén a novos adestradores, algún xa confirmado e outros cos que seguen mantendo conversacións e que cumpren co perfil que buscan desde o club, onde prima a formación integral de cada neno/a e a educación en valores, ademais dos resultados deportivos.

A nova incorporación confirmada trátase de Antía Vega, que conta con ampla experiencia nos bancos como adestradora ademais de en a pista como xogadora. Sumaríase así aos técnicos que xa forman parte do club, Paula Chousal, Víctor Alonso, Paco Termenón, e Antonio Vidal, que baixo a dirección deportiva de Nuria Gómez conformarán o corpo técnico do Club Baloncesto Nigrán esta tempada.

Desde o club consideran importante formar adestradores, para iso seguirase traballando con xogadores e xogadoras do club, dándolles a opción de adestrar nas categorías de minibasket como segundos adestradores e supervisando o seu traballo diario.

A directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 110 fichas federativas para esta tempada e que veñen atesourar o bo labor realizado no club, que se complementa coa continuidade das diferentes escolas de baloncesto que o club ten nos colexios de Nigrán e que darán comezo a partir do próximo mes de outubro.