Os navegantes máis intrépidos toman o río Miñor

Un total de 13 artefactos flotantes sen motor participaron na tarde deste domingo na sétima edición da xa tradicional concentración “Flota como Poidas”, organizada por cuarto ano consecutivo polo Concello de Nigrán. Os 97 valentes tripulantes e as súas hilarantes embarcacións volveron divertir e sorprender aos milleiros de asistentes que se achegaron ata A Ramallosa.

O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. Unha vez finalizada a travesía, os participantes puideron gozar dun refrixerio na Alameda da Ramallosa, onde se realizou tamén a entrega de premios.

O premio para o artefacto máis currado foi para “Camos do Norte”, a tripulación máis simpática foi a de “Richard y Jere, os chatarreiros metálicos”, o premio á familia máis intrépida e participativa foi para “La boda de la Esteban se hunde”, “Barco Popín” foi o artefacto máis cutre, e “Ollo que van… os de sempre” levou o premio Titanic. A participante máis nova foi Paula Silva González de “Os Perellos” e a máis maior Margarita Rodríguez Abalde, integrante de “Familia Addams”.

Os premiados levaron entre un flotador xigante ou grande de flamenco, o diploma e unha cesta de froitas. O artefacto máis currado, a familia máis intrépida e a tripulación máis simpática levaron a cesta de froitas, o diploma e unha tenda de campaña. Ademais sorteouse entre todos os participantes un kaiak. O xurado desta edición estivo composto por Cristina Dosil, concelleira de Turismo, José Luis Sanromán, concelleiro de Deportes, Patricia Diego, concelleira de Igualdade, Ladislao Alonso, concelleiro de Actividades Marítimas, Marina Vidal, concelleira de Educación, e Pepe Costas, de ValmiñorTV.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios