Nigrán creará un plan director de accesibilidade

O alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo un encontro con Anxo Queiruga, presidente de COGAMI (Coordinadora Galega de Persoas con Discapacidade) no que se comprometeu a consignar no orzamento de 2020 a contratación dun plan director de accesibilidade universal que marque as directrices xerais que debe seguir a localidade neste eido e que sirva de referencia ao programa municipal “Un Nigrán para todos”.

Cun custe aproximado de 12.000 € , servirá de folla de ruta ou manual para que as futuras actuacións que se realicen dende o Concello faciliten de verdade a vida de tódolos veciños, con ou sen discapacidade. “É un plan que está pensado para todo o mundo, non é algo específico das persoas con discapacidade, é para a sociedade no seu conxunto porque do que se trata é de facilitar a súa autonomía e mellorar a calidade de vida no municipio”, explica o alcalde, Juan González.

Este plan de mellora da calidade de vida dos veciños contempla dende revitalizar a contorna urbana, a facilitar o tránsito de peóns, favorecer o deseño urbano para as persoas, crear espazos libres, suprimir as barreiras arquitectónicas e sensoriais… Tras realizar unha análise da situación actual, o documento final especificará as intervencións e os lugares que teñen maior prioridade ou urxencia para ser transformados e o orzamento necesario para acometer as obras.

Paralelamente, o Concello cedeu a COGAMI o uso do Salón de Plenos unha vez á semana para realizar o seu servizo de intermediación laboral tras expor eles esta necesidade do municipio. Este lugar foi considerado o máis axeitado para a entidade ao ser totalmente accesible, ser céntrico e estar totalmente libre para o seu uso sen necesidade de compartir espazos que limitarían a súa privacidade.