Concerto en acústico de Urbano Cabrera en Baiona

O cantautor Urbano Cabrera ofrecerá este sábado 17 de agosto un concerto en acústico en Baiona. Ademais de presentar temas do seu novo disco “Soñarás en maio coas choivas de abril”, interpretará outras moitas das súas composicións. Compartirá escenario con Lucía Doval, gañadora do terceiro premio do Certame “Os Bardos”, cantautora e pianista. Será ás 23:00 horas na Praza do Concello.

Urbano Cabrera é un cantautor baionés de ampla traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego, en toda clase de estilos, desde o folk ata o blues. Debido ao seu carácter aberto, experimentou con diversos sons, como o blues, o reggae, a bossanova, o jazz, o country, a música africana, o swing ou o folk máis tradicional, tal e como queda reflectido na súa discografía.

As súas coidadas letras son unha mestura de temáticas sociais e reivindicativas que falan de loita, de rebeldía, de solidariedade, de amor e de desamor e das relacións entre seres humanos. A súa música é fonda, acústica, que convida a pechar os ollos e soñar.

Anuncios