A Danza das Espadas de Baiona bailarase en Camariñas

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Danza das Espadas.

A Danza das Espadas de Baiona participará en “Camariñas, un mar de danzas”, un festival de danzas gremiais que se celebra do 16 ao 18 de agosto neste pobo mariñeiro da Costa da Morte. Os asistentes a este evento poderán contemplar o tradicional baile baionés o domingo, día 18, ás 13:30 horas, acompañado pola Charanga Nova Cubana. A orixe da Danza das Espadas de Baiona correspóndese ao ano 1595, segundo figura nun documento que se conserva no Arquivo Municipal, e fai referencia á Festividade do Corpus Christi celebrada aquel ano. Nos pobos da costa, o Gremio de Mareantes era o que tiña máis membros. O día de Corpus Christi converteuse na súa festa patronal e os actos que nela celebrábanse revestían a maior solemnidade.

Na actualidade, a Danza das Espadas báilase no Corpus Christi, durante as celebracións na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, e nas festas da Anunciada, patroa de Baiona, e simboliza “a loita dos arcanxos contra o mal demoníaco”, segundo os estudosos. Esta denominación, segundo o especialista Xerardo das Airas, está relacionada co anuncio do Arcanxo San Gabriel á Virxe. A tradicional Danza das Espadas de Baiona báilana hoxe unha vintena de homes, capitaneados por Jaime Costas Pereira, e o rabeiro, José Míguez. Varias son as figuras que forman coa súa danza, como a ponte, que pode ser dobre, o abanico ou a serpe.

Son moi poucas veces en que a Danza das Espadas actuou en festas profanas. O 21 de 1830 con motivo da real ligazón entre Fernando VII e María Cristina, tamén actuou ante os reis de España Alfonso XIII e Victoria Eugenia, na chaira que había enfronte do Palacio de Monterreal. Foi na visita que realizaron a esta vila o 28 de setembro de 1927.

Danza das Espadas mixta

Nun momento dado, a Danza das Espadas foi desaparecendo, deixando de bailala os mariñeiros, e entón, foi cando Julia Varela, que dirixía a Sección Feminina, conxuntamente co profesor de baile galego dos grupos de Vigo e Baiona, “Polo”, formaron un grupo “mixto”, o que levantou non pouca polémica entre os mariñeiros, que dicían que era exclusivamente bailada por homes. Este grupo mixto chegou a participar no Campionato Galego de Danza celebrado no Teatro García Barbón de Vigo, conseguindo o primeiro posto e clasificándose para o Campionato de España, celebrado no Teatro Español da Praza de Santa Ana de Madrid. Tamén bailaban na Romaría da Virxe da Rocha e outros lugares de Galicia, así como nas ceas medievais do Parador de Baiona, alá polos anos 60 e comezos dos 70.

Anuncios