16 esculturas realizadas na Escola de Cantería da Deputación expóñense en Praia América

O alcalde de Nigrán, Juan González, e as deputadas Ana Laura Iglesias e Noemí Outeda, inauguraron esta mañá no paseo de Praia América a nova exposición da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra “D’Pedra”. Trátase dunha colección de obras elaboradas polo alumnado do centro e composta por 16 pezas de granito de diversa temática, que na súa meirande parte representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá. Estará exposta ao público ata o vindeiro 9 de setembro. “O ano pasado tivemos a mostra anterior desta Escola e foi un éxito rotundo, a situación ao pé da praia é inmellorable e estamos encantados de poder repetir con esta nova, a calidade das pezas é asombrosa”, sinalou o alcalde, Juan González, durante a presentación.

“D’Pedra” é unha exposición que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos, como fixo no seu momento con “Nado en Pedra”, e que non só fai fincapé na actividade que mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galega. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional.

Máis polo miúdo, as 16 pezas que se exhiben son obra de Patricia Pazó Vázquez, Alejandro García Álvarez, Marcos Lareo García, Álvaro Somoza López, Rubén Gil Rodríguez, Santiago Rey López, Marcel Kahlbrandt, José Sampedro Caamaño, Jonathan Mariñas García, José Gómez de Bernardo, Lorenzo Lede Mouriño, Jonathan López Otero e Jason Pérez. Tras o seu paso por Nigrán, a mostra da Escola de Cantería chegará ao concello de Gondomar, onde permanecerá ata o 9 de outubro.

A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. Así, os seus traballos están presentes en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), La Paz (Bolivia), Nova York (Estados Unidos), Querétaro (México), Bos Aires (Arxentina) o Montevideo (Uruguai) entre outros países.

Ademais, o alumnado ten participado nas obras de restauración de emblemáticos monumentos, como a A Sagrada Familia de Barcelona, a catedral de Santiago, a catedral de Westminster de Londres ou mesmo as obras de recuperación do edificio do Capitolio de Washington.

2019-08-14 - FOTO2

Anuncios