O BNG cualifica de “pésima” a xestión da avaría da traída de auga que afectou a Nigrán

Este pasado sábado 10 de agosto, sobre as 10:00 da mañá, produciuse unha avaría no sistema de augas de Nigrán que afectou a todo o concello con distintos grados de gravidade. Na zona de Ramallosa durante o corte de auga, que en zonas como Vilaméan ou Priegue era manifesto, solo se produciu unha baixada de forza na auga da billa.

“A xente non sabía que ocorría, chamaban á policía local e non recibían resposta, chamaban a Aqualia e obtiñan o mesmo resultado. Eran as 22:00 horas (12 horas despois da avaría) e zonas como Priegue seguían sen auga e na Ramallosa, por non terse feito unha purga en tempo e forma, saía auga turbia con sedimentos ferrosos das tubaxes. De feito, temos noticia de que ao día seguinte inda había zonas de Monteferro e Priegue sen o subministro restablecido. Sen embargo, segundo o propio Alcalde, dende as súas redes sociais, a avaría estaba arranxada dende ás 17:15 horas do propio día. Polo que entendemos deixou de facer seguimento de dita avaría”, sinala Adrián Rei, Responsable Local do BNG.

Dende o BNG lamentan a “incompetencia do goberno” en xestionar a avaría e de non ter debidamente informados aos veciños zona por zona. “Inda eran moitas as áreas de Nigrán que seguían sen auga, ou o subministro era turbio, e polo tanto non apto para o seu uso, cando el desfrutaba en Vilariño dunha cea coa comisión de festas, para logo trasladarse ao Chan de Folk”.

“Parece que o alcalde está máis pendente de saír nas fotos e estar en todos lados menos onde se lle precisa: no concello ao fronte dun equipo de crise xestionando a avaría sen desistir ate que todo Nigrán tivese restablecido o subministro. No BNG entendemos que as avarías ocorren e non se poden evitar, pero si xestionar correctamente, cousa que con un soldo de 50 mil euros anuais debería terse feito. O que non pode é xerarse tal prexuízo para a veciñanza mentres ven que o seu Alcalde non para de subir fotos e máis fotos del desfrutando, mentres hai xente que non pode nin ducharse ou cociñar debidamente. Lamentamos esta actitude, e como forza política, e afectados e afectadas pola avaría, esperamos que se tomen as debidas medidas para cando se produza unha avaría imprevista se tomen todas as medidas necesarias, como por exemplo, unha reunión con Aqualia para saber por que non estaba restablecido o subministro cando se comunicou que si o estaba”, conclúe o nacionalista.