Monólogo de Luis Zahera en Gondomar

O actor e humorista Luis Zahera presentará este domingo 11 de agosto en Gondomar o seu monólogo “O mellor do mellor”. O espectáculo, incluído na programación “Cultura de Verán” e que comezará ás 22:00 horas na Praza Paradela, repasa os seus 10 anos como monologuista. Un show cargado de experiencias e historias persoais no que nos falará da Coruña, de Santiago, das súas viaxes, os seus traballos, amores e familia, sempre desde o punto de vista surrealista que tanto lle caracteriza… ah si! e como non, tamén nos falará do Goya!.

Luis Zahera saltou á fama en Galicia. O seu papel máis coñecido foi o de Petróleo na exitosa serie da TVG, “Mareas vivas”. Á marxe disto, participou en moitas outras series e películas, ademais de numerosas obras de teatro e curtos. Ademais, este ano, foi galardoado cun Goya pola súa interpretación en “El reino”.

Aínda que a súa carreira desenvolveuse principalmente en Galicia, nos últimos anos deu o salto á ficción nacional, con pequenas colaboracións en series como “Hospital Central” ou “El comisario”. Máis recentemente participou en “Motivos personales” e conseguiu un papel fixo en “A tortas con la vida”, serie dos creadores de “Aquí no hay quien viva” que non puido repetir o éxito desta.

No cine destacan traballos como “O lapis do carpinteiro”, baseada na novela de Manuel Rivas, “El año de la garrapata” e, máis recentemente, “Alatriste”, “Celda 211” e “Spanish movie”.