
Tras o comunicado do Concello de Baiona esixindo ao Sergas “que non obvien o problema que se está vivindo no Departamento de Traballo Social, Radioloxía e Fisioterapia do Centro de Saúde Val Miñor”, desde a Xerencia de Xestión Integrada de Vigo lembran que o Centro de Saúde da Xunqueria está dotado, entre outros servizos, de Traballador Social, Técnico de Diagnóstico pola imaxe para Radioloxía e Fisioterapia para Rehabilitación.
“Estas áreas traballan durante todo o ano desenvolvendo un gran labor e atendendo principalmente a actuacións programadas non urxentes. Este é o caso do traballo social que durante todo o ano desenvolve a súa tarefa no centro e cobre toda a área. Dado o carácter non urxente da súa actividade, durante o período estival, onde a demanda ademais adoita baixar, coincidindo coas vacacións do traballador, as urxencias que puidesen darse xestiónanse a través da coordinadora de traballo social da Área de Xestión Integrada ou a través da Xefe de Servizo de Traballo Social tamén da área sanitaria”, explican nun comunicado.
“Do mesmo xeito -continúan- o Técnico de Diagnóstico pola imaxe cobre fundamentalmente actividade de radioloxía programada non urxente e traballa en horario de mañá. No seu período de vacacións a actividade urxente é coordinada e derivada aos distintos recursos de diagnóstico pola imaxe da área Sanitaria. A demanda de actividade urxente neste tipo de exploracións é baixa nestes períodos do ano, comparada co resto do ano”.
“No caso da Fisioterapia existen dúas prazas de fisioterapia que dada a carga de traballo e demanda durante esta época do ano, substitúense sempre de forma que todos os días do ano hai dous fisioterapeutas proporcionado asistencia aos pacientes”, conclúen.
Finalmente, de novo desde a Xerencia de Xestión Integrada de Vigo chama a atención o uso dos medios de comunicación para alarmar á poboación e trasladar situacións lonxe da realidade, e póñense ao dispor do Concello para trasladarlles de primeira man a situación asistencial da área.