Gondomar continúa este sábado 10 de agosto coa programación “Cultura de Verán” organizada pola Concellería de Cultura cun concerto de María do Ceo, ás 22:00 horas na Praza Paradela. A día de hoxe, dicir María do Ceo é o mesmo que dicir fado. Considerada a sucesora de Amália Rodrigues por non poucos críticos, a súa é, con todo, unha traxectoria única na que se funde a melancolía do portugués coa dozura do galego.
Os seus excepcionais dotes vocais e a súa innata musicalidade fan dos concertos de María do Ceo experiencias fascinantes que mergullan á audiencia na paixón e a tenrura do fado tradicional, pero tamén na personalidade dunha artista singular. Embaixadora da cultura galega en todo o mundo, a súa destacada carreira internacional está enraizada no fado como inspiración básica e mostra esa identidade cultural luso-galaica que María do Ceo representa, quizais, mellor que ninguén.
Nada na cidade portuguesa do Porto, respirou o fado desde o berce grazas ao seu pai, fadista afeccionado. Cando contaba dez anos, a súa familia trasladouse a Ourense e nesa cidade viviu desde entón. De nena escoitaba os discos de Amália Rodrigues que os seus pais traían de Portugal, pero ao residir en Galicia nunca tivo contacto cos círculos de fados de Lisboa. Así desenvolveu unha forma de cantar diferente, na que as dúas tradicións conflúen cunha asombrosa naturalidade.

