
Na reunión deste xoves, a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), acordou solicitar da Xunta ampliar nun mes o período de exposición pública e de presentación de alegacións ao Anteproxecto do Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia. “Parécenos pouco afortunado que, se a Consellería pretende realmente que as persoas interesadas poidamos formular as alegacións oportunas, o prazo sexa só dun mes e coincida xustamente co mes de agosto, en pleno período vacacional”.
A asemblea, á que asistiron máis dun centenar de persoas, tamén tomou outros acordos: propoñer unha nova liña que comunique Tomiño-Tui-Gondomar co CUVI e o hospital e centros de ensino situados no Meixoeiro; reclamar a inclusión de paradas na cidade de Vigo que non figuran (Travesas, Praza da Industria, Beiramar, Gran Vía (POVISA), Praza de España); inclusión de liñas e/ou paradas nos polígonos industriais da zona (Porto do Molle, A Pasaxe, PTL Valadares, O Porriño, Mos); incluír nos distintos itinerarios o paso polas parroquias de Gondomar de forma que ningunha quede excluída; propoñer máis rutas e frecuencias que tamén nos comuniquen con todo o Val Miñor; e, desde logo, non permitir a redución do xa escaso servizo que padecemos actualmente.
Para facilitar o coñecemento do plan por parte de toda a veciñanza e a posibilidade de ter en conta todas as achegas para a formulación das alegacións, a AVTG vén de solicitar dos centros veciñais e do Goberno do Concello espazos onde poder expoñer os planos, liñas e horarios propostos no anteproxecto.
A voceira da AVTG, Manuela Rodríguez, lamenta que o concelleiro Delegado de Mobilidade non asistira á reunión á que fora expresamente convidado. Así mesmo cualifica de indignante que desde o Concello non se tivera a previsión de apertura do Auditorio, o que provocou que as persoas asistentes tiveran que agardar fóra e que a asemblea comezara cun retraso de media hora.