A Asociación de Médicos Galegos, Asomega, rendeu homenaxe aos profesionais sanitarios do municipio de Baiona en presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o conselleiro de Sanidade e ex alcalde desta localidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o actual rexedor, Carlos Gómez Prado, entre outras personalidades, na que xa é a súa tradicional Comida de Verán.
“Orgullosa da súa historia e desbordante pola súa contorna e beleza, Baiona é o noso punto de encontro nesta comida de verán na que queremos honrar a eses outros conquistadores da saúde e a vida, que son os profesionais sanitarios baioneses,” palabras coas que Julio Ancochea, presidente de Asomega quixo dar a benvida aos asistentes.
Á celebración, que tivo lugar no restaurante Rocamar, acudiron máis de 100 asistentes entre as personalidades institucionais, profesionais da sanidade galega, familiares e amigos. Tras unha primeira parte, onde os comensais gozaron dun animado xantar con produtos típicos galegos, membros da Xunta Directiva de Asomega procederon á entrega de diplomas.
O conselleiro de Sanidade foi un dos grandes protagonistas da xornada, distinguido polo seu labor exemplar na mellora da atención sanitaria da área de Baiona, a promoción do decálogo da Dieta Atlántica e o seu compromiso permanente coa Sanidade Galega. “Para min é un tremendo orgullo pertencer a este colectivo. Agradezo esta homenaxe á medicina e a aquelas persoas que están a traballar sempre para os demais”, indicaba Vázquez Almuiña.
Durante o mesmo, homenaxeáronse a dezaseis sanitarios de diferentes especialidades. Os baioneses José Antonio Miniño Couto, especialista en radioloxía que segue pasando consulta no ambulatorio de maneira gratuíta; Gerardo Miniño Couto, especialista en dermatoloxía; Dolores Vidal Sobral, especialista en medicina xeral, familiar e comunitaria, que introduciu o tratamento con Sintrom en Baiona; Ignacio Porritt Lueiro, especialista en pediatría; Lina Carrillo Santiago, enfermeira da área de pediatría; María José Sanromán Varela, enfermeira comadrona; Inmaculada Ares Casal, enfermeira da área de urxencias; Pilar Campos Miguel, auxiliar de clínica; Evaristo Alonso Misa, celador; Consuelo Fernández Ramos, celador; e Mercedes Santos Pazos, enfermeira.
Tamén foron homenaxeados José Domínguez Pérez, natural de Gondomar, e Lorenzo Pousa Estévez, natural de Vigo e fillo adoptivo de Baiona, que introduciu a ecografía nos Centros de Saúde. José María Viaño Viso, natural de Baiona; Francisco Hernández-Parra, natural de Lugo; e Milagros Selegante Pérez, natural de Baiona, recibiron a homenaxe a título póstumo, polo que o galardón foi recollido no seu lugar por un familiar.
Tras eles, o Dr. Anicieto Charro Salgado, foi sorprendido cunha mención especial e recibiu o diploma como recoñecemento a un labor exemplar, ao longo dos 25 anos da asociación, como presidente fundador e actual presidente de honra.
Unha cita que xa se converteu nunha tradición, as últimas edicións celebráronse en Santiago de Compostela, en Quiroga e na Pobra de Trives. Un punto de encontro para todos aqueles profesionais que manteñen a sanidade galega e, os que ademais, exércena fóra da súa terra pero manteñen vivo o vínculo con ela.
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quixo resaltar o importante labor que vén realizando Asomega ao longo todos estes anos e, aproveitou a ocasión para agradecer a medalla que momentos antes, o presidente Julio Ancochea, anunciou que o próximo novembro outorgaráselle.
Como broche final ao acto, Nuñéz Feijóo indicou que “un dos grandes monumentos que a sociedade española construíu nos últimos anos é a Sanidade pública, grazas ao traballo de profesionais como os de Asomega. Unha Sanidade que, sen dúbida, está mellor que hai 10 anos”.







