Nigrán estrea as primeiras mochilas vibratorias de Galicia para que as persoas xordas sintan a música

O Concello de Nigrán sitúase á vangarda de toda España nas políticas públicas de accesibilidade sensorial tras a adquisición de cinco mochilas vibratorias dirixidas a que persoas con discapacidade auditiva poidan gozar da música, dun espectáculo, cine ou teatro. Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do Concello de Madrid e agora é Nigrán o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto, sendo o festival “Chan de Folk” deste sábado (Chandebrito, 21:30 horas) con Roi Casal co espectáculo “Son galego, son cubano” o punto de partida. A adquisición, cun investimento de 10.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal “Un Nigrán para todos” co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.

“Dende o Concello de Nigrán estamos a promover e fomentar a cultura que ata agora non era accesible ás persoas xordas; queremos que os nosos festivais sexan inclusivos e esta nova tecnoloxía abre moitos camiños, polo que estamos moi satisfeitos de facer este investimento prioritario para noso xeito de entender a política”, sinalou durante a presentación desta mañá Juan González, alcalde de Nigrán, quen estivo acompañado polo propio Roi Casal e demais edís. “Dentro duns anos estou seguro que estas mochilas serán unha medida de accesibilidade obrigatoria para os concertos, igual que agora existe unha normativa arquitectónica á hora de deseñar espazos públicos”, sinalou Casal, quen se mostrou “moi orgulloso” de que o seu espectáculo sexa o primeiro de Galicia en ofrecelas. “Estou sorprendido. Funcionan de marabilla, gústame moito a sensación que produce; é moito máis impactante que cando te pegas a un bafle para poder sentir as vibracións”, sinalou Jonathan Vicente, persoa con problemas auditivos recentes e que tocaba o saxo tenor.

As diferentes vibracións que transmite esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, senón que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo indutivo. As mochilas poden ir cargadas ás costas ou no peito e permiten que o usuario se poida desprazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.

PRÉSTAMO

As mochilas adquiridas polo Concello serán estreadas este sábado no Festival Chan de Folk de Chandebrito (na carballeira-merendeiro situado ao lado do campo de fútbol da parroquia, ás 21:30 con Roi Casal e o espectáculo “Son galego, son cubano”). As persoas con discapacidade auditiva interesadas en probalas deben solicitar o seu uso enviando un mail a comunicacion@nigran.org (o punto de recollida e entrega será na cantina da propia carballeira, onde deberán deixar o DNI e encher un formulario no que se comprometen a devolvelas en perfecto estado). Co obxectivo de que poidan experimentar por vez primeira as mochilas vibratorias o maior número de xente posible, o Concello distribuirá o tempo de uso en función da cantidade de solicitudes. Unha intérprete de lingua de signos explicará a cada un o correcto uso do aparato. Estes volverán a estar a disposición dos interesados nos demais eventos organizados dende o Concello de Nigrán nos que a súa presenza facilite a accesibilidade.

Anuncios