
Os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, Carlos Gómez, Paco Ferreira, e Juan González, mantiveron esta tarde un encontro de traballo onde estudaron a posibilidade de presentar conxuntamente, desde a Mancomunidade do Val Miñor, alegacións ao novo Plan de Transporte da Xunta de Galicia. Lograr unha comarca mellor comunicada entre as súas concellos garantindo cóbrense as demandas dos seus veciños, o obxectivo principal.
Recoñecen os tres rexedores que é importante non só centrarse na comunicación entre parroquias de cada concello, senón que hai que ir máis aló logrando que as tres localidades desta comarca estean perfectamente comunicadas entre si, así como con outros municipios da contorna. Ademais dos intereses comúns recolleranse as peticións concretas de cada municipio.
Desta forma Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, lembra que esixirá ao goberno galego a incorporación do municipio no itinerario de acceso á Universidade de Vigo, así como ao hospital Álvaro Cunqueiro ou á propia cidade de Vigo, tal e como se contempla xa para municipios da Guarda, Baiona ou Nigrán.
“É inexplicable e inaceptable que un autobús que vén da Guarda e Baiona, chegue ata Nigrán centro para despois acceder á autoestrada obviando ao municipio de Gondomar, onde tamén hai veciños que queren desprazarse ata o Alvaro Cunqueiro ou estudantes que precisan chegar ao CUVI”, sinala Paco Ferreira, quen entende que “non podemos seguir admitindo esta discriminación”.
Tamén apunta que o goberno galego ten “unha oportunidade histórica” para corrixir unha situación difícil de comprender, como é o feito de que os viaxeiros que proceden de Vigo teñan que apearse en Mañufe e non na estación de autobuses de Gondomar. Confía en que “non se repitan os mesmos erros cometidos ata agora porque de ser así terannos en fronte, co alcalde á cabeza, ata que dean dunha vez por todas unha solución real ás nosas demandas”.