O Vigo-Rías Baixas activa os seus dous rexistros en Palencia e Oviedo

A pouco máis dun mes para a conclusión da tempada coa Volta a Galicia, regresa a competición para o Vigo-Rías Baixas tras unha semana de parón. A formación que preside José Luis Chamorro disputará nos próximos días dúas voltas puntuables para a clasificación da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Este xoves arranca a Volta a Palencia e durante a fin de semana chegará o momento da Volta a Vetusta.

Esta dobre cita activará os dous rexistros que manexa o proxecto flúor. Na rolda sub23 palentina os seus corredores máis novos buscarán seguir crecendo e deixarse ver, mentres que na challenge ovetense os xefes de fila Elite do equipo, Samuel Blanco e Carlos Cobo, aspiran ao máximo.

Despois de dous anos de ausencia no calendario, a Volta a Palencia resucitou e na súa selecta nómina de 18 estruturas convidadas incluíu ao Vigo-Rías Baixas. Alejandro de Rozas, David Domínguez, Víctor Hernández, Alejandro Martínez Bayán, Sergio Álvarez e Santi Martínez, que estará especialmente motivado por correr na súa terra, forman a aliñación sub23 do conxunto olívico.

Esta volta de catro días arrancará o xoves cun percorrido de media montaña entre Galletas Gullón e Aguilar de Campoo (148 quilómetros). O venres e o sábado os escaladores atoparán o seu terreo en dúas etapas infestadas de portos moi esixentes. O luns espérase un desenlace ao sprint na capital da provincia.

Pola súa banda, a Volta a Vetusta para ciclistas Elite e Sub23 concéntrase na fin de semana e terá Oviedo como epicentro. Blanco e Cobos liderarán o quinteto que presenta o Vigo-Rías Baixas e que completan Jorge González, Gabriel Ochando e Jaime Guzmán.

A primeira xornada, o sábado, terminará na mítica subida ao Alto de Naranco e o domingo realizarase un final idéntico ao que se vivirá en setembro coa chegada da Volta a España á cidade ovetense.

Anuncios