Camos celebra a Baixada de Carros de Bólas con máis de medio centenar de carrilanas inscritas

O Concello de Nigrán e a Asociación Eixo Tolo celebran este fin de semana a “XIII Baixada de Carros de Bólas” na rúa San Roque de Camos con máis de medio centenar de carrilanas participantes (a inscrición permanece aberta no teléfono 648 023 014 e ata o mesmo sábado antes das 18:00 presentándose no Torreiro de Camos). Carros pneumáticos, de rodamentos e correpasillos para nenos participarán na tripla competición que terá lugar o sábado dende as 21:00 horas a modo de adestramento (sendo así a primeira baixada nocturna de Galicia) e que vivirá o domingo a competición oficial durante toda a mañá (de 10:00 a 14:00 aproximadamente). Na noite do sábado celebrarase ademais un concerto rock a cargo de Eixo Tolo.

Por unha banda, celebrarase a Copa Galicia-Copa Norte e Copa Galicia-Portugal con 20 vehículos pneumáticos inscritos a día de hoxe e no que se puntúa a velocidade. Por outra banda, celebrase o “Campionato Concello de Nigrán-Eixo Tolo” no que participarán 25 carros de bólas (cuxas rodas son rodamentos mecánicos) e no que se premia ao máis elaborado (Eixo Tolo destina 500 €), o máis rudimentario, e á cabriola máis espectacular (ambos con cadanseu trofeo). Ademais, como novidade, celebrarase o sábado ás 18:00 horas unha carreira de correpasillos para nenos no espazo do Torreiro. Todos os menores de idade deberán traer autorización asinada dos pais ou titores con copia do DNI de ambos, ademais, a inscrición ten un custe de 6 € que inclúe o seguro.

Como xa é tradición, nesta décimo terceira edición o percorrido arranca no Torreiro de Festas de San Roque e remata pouco antes do Pazo da Touza, sendo unha lonxitude de 1km e un desnivel do 60% con grandes curvas, polo que ofrece cada ano imaxes espectaculares ao superar os vehículos os 70 km/h e sorprender sempre a orixinalidade dalgún dos carros de bólas. Neste escenario realizaranse varias mangas nas modalidades individual e colectiva.

Esta proba de carrilanas en Camos foi recuperada hai catro anos por Gerardo Ferreira, participante dende a súa orixe e impulsor dende a Asociación Eixo Tolo.

Anuncios