Asomega homenaxea este xoves a profesionais sanitarios de Baiona, entre eles Almuiña

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Asociación de Médicos Galegos celebra este xoves 8 de agosto en Baiona a súa tradicional Comida de Verán, e que en anteriores edicións celebrouse en Santiago de Compostela, Quiroga e A Pobra de Trives.

Segundo sinalan, este ano a motivación da cita é tripla: por unha banda, buscar unha ocasión de encontro entre profesionais sanitarios da zona e os que exercen fóra da súa terra galega pero manteñen un forte vínculo con ela; por outro, recoñecer o labor dos que manteñen a sanidade galega e conseguen, co seu traballo diario, que esta siga sendo un referente a nivel nacional; e por último, ser preámbulo do que será o maior evento que Asomega organizou xamais: o I Encontro de Médicos Galegos, que se celebrará o próximo mes de setembro en Santiago de Compostela.

Neste caso os homenaxeados serán 16 profesionais sanitarios: José María Viaño Viso, Francisco Hernández-Parra, José Domínguez Pérez, Lorenzo Pousa Estévez, José Antonio Miniño Couto, Gerardo Miniño Couto, Dolores Vidal Sobral, Ignacio Porritt Lueiro, Milagros Selegante Pérez, Mercedes Santos Pazos, Lina Carrillo Santiago, María José Sanromán Varela, Inmaculada Ares Casal, Pilar Campos Miguel, Evaristo Alonso Misa e Consuelo Fernández Ramos.

Algúns deles recibirán a homenaxe a título póstumo, polo que o galardón será recollido no seu lugar por algún familiar ou achegado.

Ademais, o recoñecemento faise extensivo a un persoa relevante da política local: Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia e que antes de ocupar este cargo foi alcalde de Baiona.

A cita tamén contará coa presenza do alcalde actual, Carlos Gómez Prado, e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

A comida comezará ás 14:30 horas no restaurante Rocamar. Está previsto que ás sobremesas, ao redor das 16:30 horas, teña lugar a entrega de diplomas aos profesionais sanitarios de Baiona.