Alberto Meira, en busca da ansiada vitoria coa que encarar a recta final

Sen descanso estival, a sexta proba do rexional galego xa está ao virar a esquina, e Santiago será nova oportunidade para que o equipo AMF Motorsport realice outra tentativa ao triunfo que desde fai varias carreiras vén escapando e co que Alberto Meira achegaríase ao liderado antes de afrontar a parte final do certame.

A proba da capital é das poucas que aínda non figuran no palmarés do piloto de Gondomar, que ten numerosos podios pero nunca chegou a saborear o doce mel da vitoria. É un territorio hostil onde o seu máximo rival atópase moi forte, pero non por iso vai cesar o empeño de Meira por contradicir á estatística e subir todo o máis alto do caixón.

En palabras do piloto de Vincios: “O Botafumeiro sempre é unha proba complicada, este ano con tramos moi rápidos, e de novo a choiva que se prevé pode xogar bazas a favor ou en contra, así que hai que elixir moi ben os pneumáticos para non hipotecar as nosas opcións e poder atacar con garantías. Todo ten que saír á perfección se queremos pelexar por gañar”.

Tanto Meira como Murado e o resto do equipo de AMF Motorsport darán o máximo para partir do próximo venres, cando terá lugar o shakedown, importante para probar regraxes, seguido de dúas pasadas ao tramo espectáculo nas inmediacións do Multiusos de San Lázaro que deberían deixar diferenzas mínimas. O sábado disputarase o groso da proba, con tres tramos (Souto de Vea, Vedra e Aríns) a tres pasadas por cada un.

Anuncios