Preto de 300 persoas benefícianse do programa municipal de repartición de alimentos de Gondomar

Unha ducia de voluntarios e voluntarias manteñen en marcha o programa municipal de alimentos que desenvolven da man do goberno local de Gondomar e en colaboración coa Cruz Vermella, e que trimestralmente supón a repartición de máis de 5.600 quilos de alimentos entre as persoas máis necesitadas do concello por atoparse nunha situación difícil economicamente.

María Jesús, Jose Manuel, Susana, Jesús ou Cecilia son algún dos nomes destes veciños que se puxeron á fronte desta iniciativa que proporciona axuda persoas en situación de emerxencia social. Atendendo os criterios marcados por Benestar Social, mensualmente preto de 93 familias (ao redor de 300 persoas) benefícianse desta axuda, que lles permite afrontar as súas necesidades básicas con maior tranquilidade.

Consciente desta situación o goberno local achega produtos e alimentos que se completan coa achega que realiza a Cruz Vermella a través dos Fondos Europeos de Axuda Europea para os máis desfavorecidos. Desta forma, ao longo do ano repártense máis de 18.000 quilos de comida.

A iniciativa púxose en marcha coincidindo cos anos máis duros da crise vivida no noso país, nos que a perda de emprego de moitas familias xerou situacións de dificultade importantes a moitas delas. Iniciado desde o ámbito municipal, a implicación dos voluntarios foi crecendo tamén cos anos, colaborando de forma desinteresada.

O voluntariado é o responsable da organización do servizo. Desta forma son eles os que reciben a mercadoría que se almacena nun espazo cedido polo goberno local, para cada mes repartir aos beneficiarios do programa, segundo as súas necesidades. Recoñecen que co paso dos anos, unha das demandas máis frecuentes son produtos para atender aos máis pequenos da casa.

Á marxe da achega por parte do goberno local é fundamental a colaboración cidadá que se suma aos diferentes actos que durante o ano organízanse para recadar alimentos que permitan manter cheas os andeis do almacén. É o caso de eventos xa moi coñecidos como o torneo solidario de fútbol, a “papanoelada” de motoristas en Nadal e outras actividades similares.

“Os gondomareños e gondomareñas demóstrannos cada día que son moi solidarios e que teñen moi presentes as necesidades daqueles que peor o están pasando”, indícanos un dos responsables do servizo de repartición de alimentos municipal de Gondomar.

2019-08-06 - image2