Xeira para coñecer retallos da historia, etnografía e arquitectura de Panxón

O martes 6 de agosto terá lugar unha nova xeira dentro do programa das Xeiras de Verán 2019 do IEM, organizada coa colaboración do Concello de Nigrán e titulada “Retallos de historia, etnografía e arquitectura”. Será guiada por Antonio Soliño Troncoso e Anxo Rodríguez Lemos, con punto de encontro no Templo Votivo do Mar ás 18:00 horas. O percorrido estará acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos.

Panxón, ademais de parroquia é unha vila mariñeira cuxos vestixios arqueolóxicos testemuñan a súa ocupación dende a Idade de Ferro. Esta cronoloxía na parroquia vai máis atrás: na praia de Patos atopáronse pezas talladas en cuarcita pertencentes ao Mesolítico (de 7.500 a 3.000 a. C.) e en Monteferro existen mostras de arte rupestre e muíños naviculares.

Ademais, na mesma península se localizou un xacemento de época romana, período ben representado no núcleo urbano: na praia de Panxón foi atopada unha ara dedicada a Mercurio e no Castro, antigo recinto marítimo da citada Idade de Ferro, apareceron restos dun mosaico e outras pezas que evidencian a existencia nel, cando menos, dunha vila romana. Por último, na rúa Arco Visigótico localizáronse muros e cimentacións dun asentamento romano que algúns autores datan entre os séculos III e IV d. C. Tamén, a non moita distancia, pías para traballar o barro e restos de ánforas procedentes do Mediterráneo Oriental, síntoma do carácter comercial que asistiu ao lugar.

En resumo, a vila é un gran xacemento arqueolóxico, principalmente de época romana, á espera de ser analizado, estudado e tratado en concordancia coa súa importancia contextual.

Nesta xeira, ademais de visitar e comentar aspectos do mencionado anteriormente, tratarase o urbanismo da vila, constatarase o rexionalismo arquitectónico, tocarase a vida e obra de Antonio Palacios, coñecerase parte da memoria construída de José Mogimes, lembraranse elementos etnográficos conservados e desaparecidos e falarase de gamelas, mariñeiros, redeiras, costumes e tarefas relacionadas coa pesca.

O percorrido, de mínima dificultade e unha lonxitude total de 1,5 km., totalmente urbano, durará unhas tres horas aproximadamente.