Sin categoría

Ferreira avoga por utilizar “as ferramentas ao noso alcance” na loita pola igualdade real

O alcalde de Gondomar inaugurou esta mañá, xunto á deputada provincial, Isaura Abelairas, a mostra “Rompe. Xoga en Igualdade”, que se poderá visitar no Centro Neural do municipio ata o próximo 21 de setembro. No acto o rexedor destacou o papel relevante que as administracións deben xogar en liderar actividades deste tipo “que permitan desterrar estereotipos que viven arraigados na nosa sociedade e que son a principal barreira na procura dunha igualdade real entre homes e mulleres”. Nese sentido explicou que “cando coñecín a existencia desta mostra, tiven moi claro que tiña que vir ao noso concello”.

Porque para Paco Ferreira “é un orgullo contar con esta exposición aquí, porque queremos traballar con todas as ferramentas que estean ao noso alcance para acabar con modelos que aínda persisten na nosa sociedade e que están moi lonxe da igualdade que buscamos para homes e mulleres”. Neste sentido agradeceu o labor que en materia de igualdade desenvolve a Deputación Provincial de Pontevedra, así como a importancia das medidas adoptadas polo goberno de Pedro Sánchez, que “inxectou máis orzamento nesta materia permitíndonos aos concellos poñer en marcha iniciativas encamiñadas a lograr máis información e formación respecto a a igualdade”.

Pola súa banda a deputada provincial Isaura Abelairas destacou a necesidade de iniciativas como “Rompe. Xoga en Igualdade” porque “nos indica que hai que empezar desde as pequenas cousas para lograr grandes obxectivos” e nese sentido convidou a visitar a mostra “con espírito crítico” e comprobar como moitos das mensaxes nela recollidos e composicións expostas “lamentablemente están de plena actualidade”.

A mostra, promocionada pola Deputación Provincial, é unha idea das artistas Isabel Blanco e Irene Silva. Diante de cada peza, que reflicte diferentes situacións de desigualdade (discriminación salarial, canons de beleza femininos, prostitución, matrimonio infantil, ventres subrogados…), hai un martelo que quere trasladar a idea de romper con estas situacións. Aberta ao público, o goberno local organizará tamén visitas guiadas para asociacións sociais, veciñais, deportivas e grupos de escolares para lograr así unha maior implicación de todos e todas.