A Xunta achega 9.000 € á Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Yates de Baiona

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de asinar co presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona (MRCYB) o contrato de patrocinio polo que a Xunta achega á entidade un total de 9.000 euros para a realización da Escola de Vela adaptada para persoas con discapacidade física e psíquica.

Segundo aseguraron secretario e presidente, “a accesibilidade debe de ser unha das prioridades da práctica deportiva”, por iso Xunta e MRCYB unen os seus esforzos para loitar por ese deporte “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador e motor de cambio social”. “Para acadar este deporte temos que traballar día a día e unir as nosas forzas todas as administracións públicas, empresas galegas e a sociedade en xeral”, dixo o mandatario galego.

No seu relatorio, Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia traballa “día a día para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional” e salientou que desde a Secretaría Xeral “o faremos do mellor xeito que sabemos: garantindo á accesibilidade ao deporte”. Neste 2019, a Federación Galega de Deporte Adaptado recibe un total de 78.882,74 euros, o que representa un 26% máis que o destinado en 2018. Pola súa banda, o convenio asinado coa Real Federación Galega de Vela ascende neste 2019 un 42% ata os 312.000 euros, sendo a cuarta federación que máis orzamento recibe da Xunta.

Escola de Vela adaptada

No seu relatorio sinalou ao MRCYB como un “socio inmellorable” para acadar estes obxectivos xa que a eliminación de gran parte das barreiras arquitectónicas do club e a adquisición de barcos adaptados permitiulle converterse, no 2014, no único club náutico español en recibir unha distinción especial da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) polo seu traballo de integración social.

A Escola de Vela adaptada do MRCYB ocupa todo o ano natural e leva realizándose de xeito ininterrompido desde 2012 sendo a única entidade que realiza un programa destas características en todo o norte de España. Os usuarios beneficiados son 160 habituais e outros 160 de modo temporal que poden realizar a actividade física en dous tipos de barcos. Por unha banda, cruceiros Fígaro de nove metros e medio que son os barcos que se usan nas regatas de competición e que contan con oito tripulantes. Por outra banda, GOS 16 que son embarcacións específicas para persoas con mobilidade reducida e que contan con dous tripulantes por nave. Cómpre salientar a aposta do MRCYB pola inclusión xa que na trixésimo cuarta edición do Trofeo Príncipe Asturias de Vela competiu un barco da Escolacon tripulantes con discapacidade intelectual. Ademais, a entidade comezou este ano un novo proxecto cos alumnos do Centro de Educación Especial de Panxón. En total, o MRCYB colabora na Escola adaptada con oito entidades entre as que destacan ASEM Galicia e o Centro Juan María de Nigrán.

Anuncios