Sin categoría

Nigrán Decide denuncia que a Xunta planea recortar o transporte público no Val Miñor

Nigrán Decide realizará este mércores, día 7 de agosto, no auditorio do CRC O Torreiro de Priegue, un acto no que informará do anteproxecto de explotación do transporte público na comarca do Baixo Miño e o sur da comarca de Vigo, na que está incluído o Val Miñor e os recortes que van supoñer para a prestación de dito servizo, especialmente no referido a Nigrán, así como das alegacións que vai promover a dito plan da Xunta.

Estes recortes que, segundo as estimacións feitas chegan ao 30 por cento das actuais circulacións que pasan por Nigrán, tratan de ser compensados coa creación de dúas novas liñas con 1.101 circulacións entre A Guarda e o Hospital Álvaro Cunqueiro cunha única parada en Nigrán, das cales unicamente 788 circulacións pasan polo CUVI. Estas liñas, que unicamente funcionan de luns a venres, teñen unha frecuencia de dúas idas e dúas voltas cando pasan polo CUVI e nos días non lectivos universitarios (non pasan polo CUVI) teñen unha frecuencia de tres idas e tres voltas. Ademais, créase outra liña nocturna con 142 circulacións dunha nova liña nocturna que circula desde as 22:30 e as 7:40 entre Baiona e o Areal en Vigo os sábados e venres do verán. Se contabilizamos estas liñas de nova creación o recorte estímase nun 23 por cento das circulacións actuais.

Por parroquias, a máis afectada é a de Chandebrito, pois, ademais de recortarse o 50 por cento das circulacións, as que quedan pasan a ser consideradas “a demanda”.

Cómpre lembrar que este servizo de transporte público xa foi recortado, nalgúns casos até un 35 por cento, no ano 2015. Dito recorte tivo lugar principalmente nas liñas que circulan polas parroquias de Camos e Parada, que agora non se ven afectadas por este novo recorte, pero non recuperan ningunha das circulacións realizadas.

Nigrán Decide promoverá alegacións a dito anteproxecto

Nigrán Decide promoverá a presentación de alegacións a dito anteproxecto, lamentando ademais que, a pesar das advertencias do grupo municipal durante o anterior mandato, o plan de mobilidade de Nigrán non chega a tempo para fortalecer as posibles alegacións que puidese presentar o concello. Así mesmo solicitou á Xunta de Galicia o estudo de mobilidade a que fai referencia o anteproxecto e que non é público.

A primeira alegación que promoverá Nigrán Decide consistirá en solicitar á Xunta de Galicia que abra un novo período de información pública, no que se poña a disposición da veciñanza o estudo no que se basea esta proposta.

O resto das alegacións consistirán, ademais de solicitar que non se recorten os actuais servizos, na proposta de inclusión dunha nova liña que una as parroquias de Nigrán entre elas e cos concellos co Val Miñor, así como para facilitar o acceso aos centros de saúde.