Este domingo finalizan as Festas da Anunciada en Baiona cunha das orquestras máis punteiras a nivel nacional, Olympus. Unha orquestra que anima tanto aos que lles gusta bailar salsa, bachata, etc. como aos máis novos. Unha orquestra do século XXI. Será a partir das 22:30 horas no Parque da Palma no seu “Red Tour”.
O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga Nova Cubana abrirá ás 11:30 horas a xornada do domingo. Ás 12:00 horas, a Escola de Danza Vila de Baiona, o grupo de pandereteiras “Monte Boi” e o grupo de gaitas “A Seneira” ofrecerán un pasarrúas ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas.
A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado. Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os Xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo “Sue Moreno” con 4.0.

