Asier González termina segundo en Ontur e métese de cheo na pelexa pola Copa de España

O vento lanzou este domingo ao xefe de filas do Vigo-Rías Baixas na clasificación da Copa de España. Na terceira proba do certame estatal, Asier González logrou a segunda posición no LXIX Gran Premio Primavera de Ontur-Deputación de Albacete. O burgalés da estrutura presidida por José Luis Chamorro e o navarro Diego Uriarte (Finisher) presentáronse xuntos nos metros finais tras ser os máis fortes nun percorrido de 166 quilómetros e o resultado asinado polo corredor flúor o catapulta ata a terceira posición da xeral.

“Xa viña contento porque ía facer vento. Aquí o ano pasado tiven mala sorte porque caín nun día de choiva, pero nesta ocasión foi diferente porque co vento todo o circuíto faise moitísimo máis duro”, sinalou Asier González na súa análise da carreira despois de acabar por primeira vez entre os tres primeiros clasificados dunha cita da Copa de España.

O representante da entidade olívica chegou a Ontur ocupando o noveno posto da xeral e demostrando en todas as carreiras desta campaña un excelente golpe de pedal. O seu doce estado de forma e a súa concentración en carreira leváronlle a entrar no corte cabeceiro que se formou no ecuador do GP Primavera de Ontur por causa do vento. A esa trintena de compoñentes do “abano” dianteiro uniríase un grupo de tamaño similar no inicio do porto da Galera, de 3ª categoría.

Pola cima da segunda e última dificultade montañosa da clásica albaceteña, situada a 48 km da liña de meta, Asier González pasou segundo e formando parte dunha escapada de nove ciclistas. A fuga callara nas ramplas finais da ascensión e obtivo unha diferenza que permitiu ao corredor do Vigo-Rías Baixas e aos seus acompañantes afrontar con minuto e medio de vantaxe as tres voltas ao circuíto no que ía concluír a carreira.

A fuga da fuga

Nas rúas de Ontur a escapada quedou reducida a seis unidades ao irse ao chan dous dos seus integrantes e un destes incidentes tamén pasou factura ao ciclista da formación flúor: “A falta de dúas voltas caeuse un corredor do equipo Valverde e abriuse un oco de 10 segundos cos outros catro, o que me obrigou para collerlles a gastar a bala que tiña porque pegaba moito aire de fronte”.

“Xa vin que Uriarte era o que máis forte estaba e decidín probar na subida á presa”, apunta Asier González comentando a súa escapada cando restaban 14 km para o final: “Fómonos os dous, entendémonos ben e así ata meta, onde foi superior. Só me queda darlle o parabén. Hai que recoñecer que no chairo é moi forte”. O navarro do Finisher impúxose por 6’’ de vantaxe e o podio completouno Jorge González (Gomur), a 38’’ de gañador.

“É un resultado moi bo. Estou contento, a verdade”, recoñece a ciclista Elite do Vigo-Rías Baixas, que asalta a terceira praza da xeral antes de que a Copa de España viva o vindeiro domingo a proba con máis cartel do seu calendario, o Memorial Valenciaga en Guipúscoa.