Teatro do Ar chega a Antas de Ulla coa súa primeira representación en Lugo

Teatro do Ar continúa crecendo no panorama do teatro afeccionado galego. A compañía de rapaces de Nigrán celebra mañá a súa primeira representación na provincia de Lugo. Será no Concello de Antas de Ulla ás 19:00 da tarde e con entrada gratuíta e formará parte dos ciclos de teatro que organiza a Fegatea.

Un Concello máis e unha provincia máis que forman parte da xira que o grupo está a levar por toda Galicia. Este ano representaron as súas composicións en A Coruña e en Ferrol e agora chega Lugo. Para outono esperan poder actuar en Santiago e en Portugal.

“Distintas Compañías” é unha comedia escrita por Pedro Rodríguez Villar, director do grupo, e está baseada nas lendas que Antonio Fraguas, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, recolleu durante a súa vida de aldea en aldea.

Dous peregrinos chegan a Eiriña, unha aldea pequena que non sae en ningún mapa e onde viven cerca de trinta veciños nun pequeno casco urbano entre leiras e bosques escuros. Perdidos preguntan ó párroco Muñoz, un crego sospeitoso que non sae da aldea dende fai vinte anos, por onde se vai a Santiago. Este non lles responde e os inclúe como parte dun ritual do máis estraño e perigoso.

Con esta historia Pedro Rodríguez pretende mostrar a forza das lendas e a tradición no rural galego. “Son parte da nosa identidade e temos que saber aprecialas como fonte de contos, teatro e todo o que queiramos”, explica o creador. Outro dos puntos interesantes da obra, ademais da súa chave de humor, consiste no contraste entre unha xuventude pegada ao Instagram e outra ás lendas de lareira.

Peche do verán en Nigrán

O verán terminará en Nigrán con teatro. O sábado 31 de agosto Teatro do Ar presentará a súa nova obra en primicia no Auditorio do Concello. Será as 21:00 horas e o grupo aínda non deu a coñecer o nome nin a trama da obra.