Rodal lembra que a reparación do paseo da Foz non é competencia da Xunta

O alcalde de Baiona esixiu este venres á Xunta de Galicia actuacións urxentes no tramo afectado do paseo litoral á altura da Foz do Miñor, acusando á Administración autonómica de inacción ante reiteradas reclamacións. O portavoz do Partido Popular, Ángel Rodal, lamenta nun comunicado estas declaracións. “Non sei se se debe a unha estratexia política en contra da Xunta ou á súa incapacidade de xestión, porque debería ser coñecedor, xa que son públicas todas as xestións e actuacións realizadas ata o momento co organismo competente, que non é outro que o Ministerio para a Transición Ecolóxica, durante o último ano e máis intensamente desde o derrube do tramo do paseo”.

Rodal lembra que antes do derrube instalouse o valado fixo, e despois mantivéronse reunións co Xefe de Servizo Provincial de Costas, Enrique Fernández, “e ata persoalmente en Madrid co Subdirector Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, Ángel Muñoz”. O ex alcalde popular tamén lembra que “por suposto” foi reclamado en reiteradas ocasións, “pero non á Xunta, senón ao órgano competente, que non é outro que o citado Ministerio, que o ten paralizado desde febreiro por depender da autorización do Ministerio de Facenda polos orzamentos prorrogados”.

O portavoz popular pide ao alcalde de Baiona “que se dirixa a quen ten que dirixirse nun tema tan importante para o noso Medio Ambiente, un tema que ten os proxectos técnicos realizados para a rehabilitación do paseo, os permisos de Medio Ambiente e agora só depende do financiamento do organismo pertinente, que actualmente é do seu mesmo cor política, e que non tente esixir a outro organismo que non é responsable da situación”.

Anuncios