Óscar Bernárdez e Elsa Pena impóñense na IX Nigrán Area

Praia América e Panxón volveron este sábado a ser o escenario dunha das carreiras máis señeiras do verán, a Nigrán Area, que cumpría a súa novena edición organizada pola Sociedade Atlética Val Miñor e o Concello de Nigrán, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Deporte Galego. Máis de 600 corredores participaron no evento, repartidos nas categorías Cadete/Sub 16, Infantil/Sub 14, Alevín/Sub 12, Benjamín/Sub 10, Prebenxamín, Pitufos e Absoluta. Todos eles tiveron que completar os diferentes circuítos, que ían desde os 100 ata os 6.000 metros dependendo da categoría, que discorrían entre o porto de Panxón e Praia América, itinerarios chairos sobre a area mollada, xa que se aproveita a marea baixa.

O vencedor absoluto da proba foi Óscar Bernárdez Carballo, que conseguiu completar o percorrido de 6 km en 20:20. 29 segundos despois cruzaba a liña de meta Marcos Paz Álvarez, segundo, e pechando o podio, Raúl Corrales Marcos, cun tempo de 20:56. Na categoría feminina, a primeira en completar o circuíto foi Elsa Pena Vicente, en 22:50. Leticia Fernández Barbosa foi segunda e Elena Costas Martín, terceira, cun tempo de 23:55 e 24:19 respectivamente. Tito Vázquez Varela e Elena Costas Martín levaron o trofeo como primeiros clasificados de Nigrán.

Outorgáronse trofeos aos tres primeiros de cada categoría, tanto feminina como masculina, e medalla conmemorativa a todos os Pitufos. Ademais, os 500 primeiros inscritos recibiron unha camiseta conmemorativa.

CLASIFICACIÓNS IX NIGRÁN AREA

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios