Sin categoría

As Barbies máis reivindicativas chegan a Gondomar

O Centro Neural de Gondomar acolle ata o próximo día 16 setembro a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”, promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra. Esta mostra chega a Gondomar precedida do éxito na súa visita a numerosos concellos de toda a provincia.

Denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres na sociedade é o fío condutor desta mostra. Conformada por 18 paneis utilízase unha “icona” dos xoguetes como é a Barbie para evidenciar a carga sexista que aínda teñen os xogos á hora de educar aos máis pequenos.

As artistas Isabel Blanco e Irene Silva, con fotografías de Noemí Changada, achegan aos espectadores un número de “Barbies” importantes, todas elas intervidas para “denunciar de forma impactante ou transgresora a desigualdade”. A idea é “facer pensar e reflexionar, que ninguén quede indiferente”.

As creadoras explican que a idea xorde da necesidade do que entenden que é preciso realizar para cambiar o mundo, partindo da denuncia como medio para “reparar a situación de desigualdade das mulleres e romper con ela”.

Nos paneis móstranse situacións de desigualdade, violencia ou discriminación recalcando a carga “sexista” que os xoguetes seguen mantendo. Quérese subliñar, neste sentido, a importancia que o xogo desempeña na formación e educación en valores de igualdade entre as novas xeracións.

As protagonistas de “Rompe. Xoga en Igualdade” recollen temas de diferentes ámbitos como a beleza, a casa, as mulleres maltratadas, o matrimonio infantil ou o uso do zapato de tacón, cuestións que nas nosas sociedades marcan diferenzas claras entre homes e mulleres.