
O cantautor Urbano Cabrera presentará este venres día 2 de agosto o seu disco “Soñarás en maio coas choivas de abril” cun concerto en Gondomar, dentro da programación “Cultura de Verán”, organizada pola Concellería de Cultura. Será ás 22:00 horas na Praza Rosalía de Castro.
Urbano Cabrera é un cantautor baionés de ampla traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego, en toda clase de estilos, desde o folk ata o blues. Debido ao seu carácter aberto, experimentou con diversos sons, como o blues, o reggae , a bossanova, o jazz, o country, a música africana, o swing ou o folk máis tradicional, tal e como queda reflectido na súa discografía.
As súas coidadas letras son unha mestura de temáticas sociais e reivindicativas que falan de loita, de rebeldía, de solidariedade, de amor e de desamor e das relacións entre seres humanos. A súa música é fonda, acústica, que convida a pechar os ollos e soñar.