Valmiemprega III chega ao seu fin tras nove meses de formación e emprego

Os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, Carlos Gómez, Paco Ferreira e Juan González, clausuraron este mediodía o Obradoiro de Emprego “Valmiemprega III”, promovido polos tres Concellos do Val Miñor. No acto, celebrado no Centro de Desenvolvemento Local da Vila Condal, os rexedores estiveron acompañados polo responsable territorial da área por parte da Xunta de Galicia, Juan Pedrosa.

Ferreira agradeceu aos alumnos participantes nesta edición “o gran esforzo e traballo que fixestes durante estes nove meses” e lembrou que a súa achega, a través das prácticas que se contemplan no obradoiro, “quedou patente e púidose ver en diferentes proxectos que desenvolvestes nos tres municipios do Val Miñor”.

Ponse fin así a este obradoiro de emprego no que participaron unha vintena de persoas, e cuxo obxectivo é o de formación-emprego dos seus alumnos, de maneira que se alterna a teoría con prácticas ou servizos nas distintas especialidades que se imparten, nesta ocasión a de promoción turística local e información ao visitante e deseño de produtos gráficos. En ambos os dous casos os alumnos realizaron diferentes actividades posteriores centradas no desenvolvemento das habilidades e coñecementos adquiridos.

No que respecta á especialidade de turismo organizáronse charlas didácticas e roteiros guiados para dar a coñecer os recursos do Val Miñor nas que participaron numerosos centros de educación dos tres municipios. Ademais organizáronse outras específicas abertas ao público en xeral. Tamén nesta especialidade elaboráronse os contidos de numeroso material promocional e participouse cunha caseta na Feira Turexpo para promocionar o potencial turístico da comarca.

Na especialidade de deseño de produtos gráficos o traballo consistiu no deseño de numerosos carteis, trípticos, dípticos e manuais para distintas Concellerías dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Tamén a partir dos contidos de material profesional realizado pola especialidade de turismo, deseñáronse distintos materiais promocionais tanto para os Departamentos de Turismo dos tres municipios así como para a participación en Turexpo 2019.

O alcalde de Gondomar reiterou a importancia deste tipo de actividades encamiñadas a favorecer non só a formación de moitas persoas, senón tamén a súa futura empregabilidade ou acceso ao mercado laboral. Nese aspecto confía en poder seguir colaborando coa administración autonómica na organización de novos obradoiros de emprego no municipio e na Mancomunidade do Val Miñor.

2019-07-31 - IMG_2405