A libraría Libraida de Gondomar acolle este mércores 31 de xullo ás 20:30 horas un encontro con Domingo Villar cun novo caso do inspector Leo Caldas en “O último barco” (Editorial Galaxia & Ediciones Siruela). O acto estará presentado por Carlos Méixome.
Domingo Villar (Vigo, 1971) regresa cunha novela negra ambientada na ría de Vigo, unha nova entrega da serie que inaugurou en 2006 con “Ollos de auga” e que está protagonizada polo inesquecible inspector Leo Caldas. Dende o segundo volume desta saga, “A praia dos afogados”, publicada en 2009, van case dez anos nos que Villar foi alimentando un fiel lectorado que se conta por milleiros. Mais tamén houbo tempo nesta década para ver a súa obra traducida a máis de 15 idiomas, adaptada ao cine (2015) e recibindo recoñecemento internacional no Reino Unido (finalista dos Crime Thriller Awards e do Dagger International), Francia (Premio Le Point du Polar Européen) ou Suecia, onde recibiu o premio da Academia Sueca de Novela Negra.
Case 800 páxinas de ritmo trepidante, a través das cales Leo Caldas descubrirá que na vida, coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de correntes devastadoras.
Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a un xantar coa familia na fin de semana nin acudiu o luns a importar a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios. Mónica, a filla do doutor Andrade, vive nunha casa pintada de azul, nun lugar onde as ondas mansas contrastan co bulir da outra beira, e aínda que nada parecese alterado na súa casa nin na súa vida, Leo Caldas axiña comprobará o que agochan as aparencias.

