“Baioteatro” propón o espectáculo “Rojo” de Mireia Miracle

A clown Mireia Miracle presenta este mércores 31 de xullo en Baiona “Rojo”, o seu primeiro traballo en solitario, incluído no ciclo “Baioteatro” do programa cultural e de lecer Baiverán 2019. Será a partir das 21:30 horas nos Xardíns da Casa da Navegación. Trátase dun espectáculo de rúa para todos os públicos. É un traballo multidisciplinar de humor, danza e interacción co público que ademais ten un forte contido poético e simbólico.

“Rojo” é un traballo que nos lembra a Charles Chaplin xa que aborda temas profundos e sociais, neste caso a temática das fronteiras, pero sempre desde o humor, o gag e a linguaxe xestual polo que o converten nun espectáculo para festivais de teatro, clown, danza e circo así como asociacións, colexios e outro tipo de institucións que abordan a problemática actual do éxodo.