Baiona celebra esta fin de semana as festas patronais da Anunciada

Baiona celebra esta fin de semana as grandes festas na honra da súa patroa, a Virxe da Anunciada, organizadas pola Concellería de Cultura.

O programa comezará o venres ás 10:30 da mañá con “Ecodestin_Sensea”, evento internacional de presentación de novos produtos e itinerarios da Consellería do Mar, que terá lugar nos Xardíns da Casa da Navegación. De 11:30 a 15:30 horas desenvolveranse experiencias de Turismo Mariñeiro Inclusivo, con inscrición previa no correo marino@bluscus.es. Ás 20:30 horas, Superharte ofrecerá o seu espectáculo infantil “Patty Diphusa” na Alameda Carabela Pinta, e xa pola noite, a partir das 22:00 horas, os concertos de Morodo & Okoumé Lions, Ganjahr Family e Shotta amenizarán a festa no Parque da Palma.

O sábado a xornada comezará co pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona a partir das 11:30 horas. Ás 12:30 horas a Banda de Música de Baiona ofrecerá un pasarrúas polo casco antigo e un concerto na Praza do Concello (13:00 horas). Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na Capela de Santa Liberata, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. A continuación terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada da Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata. Ás 22:30 horas comezará o concerto de Amistades Peligrosas no Parque da Palma. A media noite, terá lugar a gran tirada de fogos de lucería, que dará paso ao concerto de Dr. Queen e o seu “Bohemian Tour” ás 00:30 horas no Parque da Palma.

O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga Nova Cubana abrirá de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo. Ás 12:00 horas, a Escola de Danza Vila de Baiona, o grupo de pandereteiras “Monte Boi” e o grupo de gaitas “A Seneira” ofrecerán un pasarrúas ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado. Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os Xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo “Sue Moreno” con 4.0. Ás 22:30 horas, comezará a verbena no Parque da Palma a cargo da Orquestra Olympus no seu “Red Tour”.

O luns continuará o ciclo “Luns ao Son” con Tonichi e Pacheco, que ofrecerán un concerto nos Xardíns da Casa da Navegación a partir das 21:30 horas no que estarán acompañados por Rafa Molares (Baixo) de Holanda. Finalmente, ás 23:00 horas proxectarase a película “Spider-Man: Homecoming” na Praza do Concello.