O “Roberto Sendinho” gaña un ano máis o Torneo de Volei Praia de Baiona

A Praia da Ladeira acolleu o sábado o XX Torneo de Volei Praia de Baiona. Máis de 200 deportistas en 41 equipos repartidos nas categorías de Adultos (32 equipos) e Sub 14 (9 equipos) participaron no primeiro dos catro torneos que organiza o Concello de Baiona durante os meses de xullo e agosto. A pesar das condicións meteorolóxicas moi irregulares, o evento desenvolveuse con normalidade.

A competición, organizada polo Club Vigo Voley conxuntamente coa Concellería de Deportes de Baiona, comezou ás 9:30 da mañá e desenvolveuse en dúas fases, a primeira con grupos en sistema de liga todos contra todos a 1 set de 21 puntos, clasificándose os tres primeiros de cada grupo, e as fases eliminatorias cun sistema de eliminación directa ao mellor de 3 sets a 15 puntos.

O equipo vencedor desta XX edición foi o “Roberto Sendinho” de Boiro, que revalidou o título tras derrotar aos “Basqueteros” de Porriño na gran final. “Los Xavales” e “Garrapata Man” foron os equipos semifinalistas.

No cadro de consolación 1 o equipo campión foi “Ruizmas”, quedando subcampión “Choquiños”. “Two Pitos” e “Veteranos del Bao” foron os equipos semifinalistas. O gañador do cadro de consolación 2 foi o “Ameixida”, sendo os subcampións “Macabi de Levantar” e os semifinalistas “Etiopía” e “Doble Positivo”.

Na categoría Sub 14, os campións foron “Los Ángeles de Manu”, despois de vencer na final ao “Xuven”. “Vengadores” foron os terceiros clasificados e “Los Mateos” os cuartos.

Todos os participantes recibiron unha camiseta, bebida e comida para pasar un día de praia. O alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas, foron os encargados de entregar os trofeos aos gañadores.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.