Álex Gonga e Mikel Borobia gañan o terceiro campionato de scooter de Nigrán

Máis de 40 riders participaron este venres e sábado no terceiro campionato de scooter “Porto Scoot”, organizado no complexo deportivo de Gaifar (Panxón) polo Concello de Nigrán, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, un dos poucos eventos de patinete freestyle en Galicia e que reuniu aos mellores a nivel nacional.

En categoría Pro impúxose Álex Gonga. Lautaro Limarieri foi segundo, levándose ademais o premio ao Best Trick, e Jose Madrid terceiro. En Master o gañador foi Mikel Borobia, acompañado no podio por Aitor Cabanelas e Adai Noceda, segundo e terceiro respectivamente.

O campionato arrancou o sábado cos adestramentos para continuar o domingo coa propia competición. Os encargados da entrega de trofeos para os primeiros de cada categoría foron o alcalde de Nigrán, Juan González, e o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán.

Desde Porto Scoot dan as grazas a todos os participantes polo seu compañeirismo e comportamento durante toda a fin de semana, “facendo un esforzo moi grande por vir desde todas as partes de España a Nigrán”, aos xuíces, ao speaker, ao Concello de Nigrán e á Deputación de Pontevedra “pola súa implicación en que todo isto fose posible”, aos patrocinadores, a todos os colaboradores e, como non, a todo o público asistente.

Anuncios