O Pavillón do CEIP Souto-Donas acolleu este sábado o Campionato Galego de Patinaxe Artística na modalidade libre para as categorías Benxamín, Alevín e Infantil, convocado pola Federación Galega de Patinaxe baixo a organización do Club de Patinaxe Artística Gondomar, contando coa presenza de 35 participantes.
Por segunda vez utilizouse o novo sistema de puntuación Rollart, que tenta destacar a parte artística da patinaxe sobre rodas logrando ser aínda máis atractiva do que é, potenciando o desenvolvemento técnico e reestruturando o procedemento ao xulgar, dunha maneira máis xusta, tamén valorando a creatividade e o espectáculo.
As patinadoras e patinadores do adestrador David Figueroa desmarcaron con forza neste campionato, e cunha mostra de poderío expuxeron os seus programas ao público miñorano, que puido gozar deste deporte artístico que cada día progresa con máis intensidade e calidade.
O gran adestramento diario, a constancia e a paixón pola patinaxe son características innatas nestes deportistas, que na tarde deste sábado demostraron co ouro de Joel Ribeiro en infantil masculino e o ouro para Sofía Costas e a prata de Noa Álvarez en infantil feminino.
A xornada deu comezo ás 10:00 da mañá, cos adestramentos de Infantil e Benxamín, para dar paso unha hora máis tarde ao programa de disco curto de ambas as dúas categorías. Ás 15:30 horas renovouse a competición, cos adestramentos de Alevín e a continuación os programas longos de Alevín e Infantil, para finalizar coa entrega de trofeos, da man do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro.



