Suma e segue Samuel Blanco coleccionando postos de honra esta tempada nas carreiras máis prestixiosas do calendario Elite e Sub23. O redondelán do Vigo-Rías Baixas asinou a sexta praza na xeral da Volta a León, sendo o terceiro mellor español dunha rolda moi dura e con nivel internacional. Julián Barrientos, vencedor das Metas Volantes, deu presenza á estrutura presidida por José Luis Chamorro no podio final.
Cun gañador italiano, Alessandro Fancellu (Kometa), e outros catro estranxeiros no Top-10, Blanco mostrouse ambicioso de principio a fin na 30ª edición desta volta. Tras situarse segundo ao termo da terceira xornada, ao día seguinte o redondelán caeu á oitava praza na chegada ao porto de Ancares.
Lonxe de renderse, 24 horas máis tarde volveu á carga e filtrouse nunha escapada camiño da cima de Andarraso, onde cruzou a liña de meta en cuarta posición e subiu dous postos na xeral.
A sexta e última xornada, disputada este sábado entre La Bañeza e Sahagún (122 quilómetros), non provocou cambios na zona nobre da clasificación e Blanco mantivo a sexta posición, a 2:49 de Fancellu. Na loita polo triunfo parcial estivo involucrado Barrientos.
O arxentino participou nunha fuga de once ciclistas da que sairía o gañador da etapa Oier Ibarguren. O representante do Deputación de León foi o único sobrevivente da escapada e levantou os brazos con 11 segundos de marxe sobre o gran grupo.
Barrientos, unha vez máis o corredor máis combativo do pelotón, recibiu na clausura da rolda leonesa a camisola como incontestable vencedor das Metas Volantes. Acumulou 24 puntos, avantaxando en 16 ao segundo clasificado.

