O gondomareño Ricardo Buba proclámase campión galego de XCO

FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba e Anxo Carril no podio.

O gondomareño Ricardo Buba fíxose cunha das coroas de rei do cross country olímpico (XCO) no Campionato de Galicia celebrado este xoves no circuíto de Montefaro (Ares). A chuvia non se quixo perder o fin de festa do calendario galego de XCO, un evento no que se repartiron once maillots de campións autonómicos. As nubes comezaron a descargar xusto cando se daban as saídas da primeira quenda, o que aumentou a épica do espectacular percorrido, duro e técnico, deseñado polo club Pulpeiros de Mugardos ao carón do Mosteiro de Santa Catalina. Na categoría cadete, Ricardo Buba (Coruxo) puido nos últimos metros dunha emocionante proba con Miguel Rodríguez (Ponteareas), quedando a terceira praza para o nigranés Anxo Carril (Coruxo).