Sin categoría

Corina Porro analiza co alcalde de Nigrán varias demandas do municipio

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, que o pasado xoves iniciaba coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, unha rolda de contactos cos rexedores da área para analizar os proxectos pendentes, reuniuse hoxe co alcalde de Nigrán, Juan González. Unha cita na que ambos representantes tiveron oportunidade de analizar varias demandas do municipio en materia educativa, infraestruturas e mobilidade. Tanto Porro como González destacaron o ton construtivo da reunión, ao tempo que apelaron á importancia da colaboración institucional e o diálogo permanente entre administracións co obxectivo común de mellorar os servizos para os veciños da localidade.

As obras de seguridade da PO-340 e PO-552, a urbanización da rúa Otero Pedrayo e as obras previstas no IES Val Miñor e o CEIP Humberto Juanes foron os principais asuntos abordados na reunión. Proxectos pendentes que a representante autonómica comprometeuse a estudar e trasladar as distintas consellerías. Deste modo, en relación coas obras de seguridade Corina Porro recordou que na PO-340 existía un proxecto de mellora pendente de executar para eliminar un tramo de concentración de accidentes que decidiuse integrar no plan de sendas de Galicia. Así, executouse unha senda entre Gondomar e A Ramallosa que está practicamente terminada e que foi reforzada coas melloras de seguridade que recollía o proxecto orixinal. “Por tanto esta estrada vai quedar moi mellorada e segura”, incidiu.

En canto á PO-552, salientou a recente adxudicación o pasado 13 de xullo das de mellora de seguridade viaria nesta estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona, cun investimento de máis de 318.000 euros e un prazo de execución duns 6 meses. Os traballos consistirán na mellora de interseccións nas que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.

En canto a rúa Otero Pedrayo, que actualmente ten xa funcionalidade de vía urbana, insistiu unha vez máis en que a Xunta facilitará a transferencia ao Concello de Nigrán. Deste modo, subliñou, “poderá acometer as actuacións necesarias que a adapten á súa condición de rúa desta vila”. En todo caso, á proposta de accións conxuntas sobre esta vía da que lle falou con González, sinalou que “haberá que estudalo”.

A modo de resume, a delegada da Xunta en Vigo apuntou que a Administración autonómica está a realizar importantes investimentos nas estradas de titularidade autonómica en Nigrán, priorizando a seguridade viaria con infraestruturas pensadas para protexer aos usuarios máis vulnerables das estradas a través da execución de sendas para peóns, e tamén eliminando tramos de concentración de accidentes.

Respecto ás melloras no ámbito da mobilidade, toda vez que acaban de darse a coñecer os mapas de transporte, Corina Porro trasladou ao alcalde nigranés que o contrato de zona dá resposta ás demandas do Concello en materia de mellora da comunicación co Hospital Álvaro Cunqueiro e o CUVI. Asemade, sinalou que se reforzan os horarios do transporte en época estival na franxa nocturna. Con todo, lembrou que o documento está en fase de alegacións ata o 23 de agosto.“Aínda hai tempo para escoitar as súas demandas”, dixo.

IES Val Miñor e CEIP Humberto Juanes

Xa por último, respecto ás obras no IES Val Miñor, sinalou que os últimos traballos realizados nestas instalacións educativas centráronse en mellorar a eficiencia enerxética do centro, renovando fiestras e falsos teitos. En canto ao comedor do CEIP Humberto Juanes, convidou ao alcalde a presentar un proxecto xa que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional non ten información ao respecto. En todo caso, unha vez recibido, asegurou que será valorado.