Píscore presenta o seu “Concerto Singular” en Gondomar

Píscore ofrecerá este xoves día 25 de xullo en Gondomar o seu “Concerto Singular”, ás 22:30 horas na Praza do Centro de Saúde, dentro da programación “Cultura de Verán” organizada pola Concellería de Cultura.

Que pasa cando se convoca a catro grandes solistas para un único concerto? Catro prestixiosos músicos fronte a un gran conflito: 16 baquetas e unha única marimba. Eles están dispostos a facela soar da maneira máis orixinal e asombrosa. Organizarse si que non vai ser tan fácil…

Premio do Público no Festiclown 2017, Píscore achéganos a mellor música e moito humor para un concerto singular nunha proposta que se encadra na liña dos grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.

Esta compañía naceu na primavera do 2016 e homenaxea co seu nome á famosa “Esther Píscore”, trasunto da musa da danza, Terpsícore, nun coñecido gag de Les Luthiers. Teñen a premisa de facernos rir desde o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi próxima á comedia xestual máis clásica.