Baiona celebra o Día de Galicia con Carapaus e a Banda Xangai

O Concello de Baiona celebrará este xoves 25 de xullo o Día de Galicia cun acto ás 12:00 do mediodía na Praza do Concello, no que se lerá un manifesto e interpretarase o himno galego. Pola noite, a partir das 22:00 horas no mesmo emprazamento, celebrarase unha Verbena Galega con Carapaus e a Banda Xangai.

Carapaus é un grupo de música tradicional formado en Santiago de Compostela no verán do 2010. Intégrano cinco compoñentes: Emilio Lois, gaiteiro da Baña e mestre en numerosas asociacións de música e cultura tradicionais, como OCT Ultreia; Oli Xiráldez (frautas), artesán e músico de longa traxectoria, membro de Chouteira e colaborador de proxectos como Malvela; Gustavo Couto (voz e tamboril), mestre de baile tradicional e coautor do libro Bailabén; Sabela Galbán (voz e acordeón), estudante de frauta traveseira no Conservatorio de Música Superior da Coruña, e Adrián Lareo (bombo e voz), gaiteiro e estudante de Construción artesanal de Gaita na EMAO de Vigo.

Baixo o manifesto “Somos ghaiteiros, somos revolusionarios”, Carapaus pon toda a súa enerxía en mostrar a música tradicional galega, así como achegar composicións de importante trazo tradicional ao acervo cultural galego.

A Banda Xangai é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é o fío condutor dunha iniciativa única da que xa xurdiron festivais poéticos ou formacións musicais e que viviu un dos seus puntos culminantes na celebración do 40º aniversario do Ateneu Nou Barris de Barcelona, o centro social máis antigo do Estado e que sempre contou cunha forte presenza da emigración galega.

Xúntanse na Banda Xangai nomes imprescindibles da música galega, de bandas seminais do movemento Bravú e proxectos posteriores: Os Diplomáticos de Monte Alto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), O Jarbanzo Negro (Nacho López), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía Tarela), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano)… Xuntos conforman unha locomotora musical de vocación festiva.