Melgachos bate records nunha nova edición do seu Torneo Internacional de Rugby Praia

FOTO: MELGACHOS // V Torneo Internacional de Rugby Praia Melgachos.

No incomparable marco de Praia América-Lourido, 27 equipos divididos nas categorías sénior masculina, feminina e veteranos disputarán o sábado 27 de xullo unha nova edición do Torneo de Rugby Praia que Melgachos Vellos Rugbiers organiza anualmente dentro da programación estival de actividades que ofrece o Concello de Nigrán.

O torneo consolidouse xa como o referente do rugby praia en Galicia e un dos eventos máis prestixiosos de cuantos dispútanse en España nesta modalidade, non só pola cantidade de participantes que o disputan, senón polo nivel dos equipos, vindos de distintos puntos de Galicia, España e Portugal e pola espectacularidade e o atractivo desta modalidade deportiva.

Un total de 300 xogadores divididos en 27 equipos tomarán parte no torneo que se disputará en tres categorías: a categoría sénior masculino será a máis numerosa con 12 escuadras, por 7 en categoría feminina e 8 na competición de veteranos. É destacable o aumento de equipos participantes en cada nova edición e en especial en categoría feminina.

O torneo dará comezo ás 10:30 disputándose ao longo do día máis de 50 partidos. As fases finais de cada categoría poderán verse a partir das 18:30, tras as cales se procederá á entrega de trofeos e gozarase do tradicional terceiro tempo con festa de despedida a todos os participantes. Nesta edición apostouse novamente por un evento aínda máis limpo e sustentable, poñendo ao dispor dos participantes vasos reutilizables que poderán levar a casa como recordo.

Desde Melgachos destacan a gran acollida que cada ano ten este Torneo e o seu crecemento progresivo ata converterse no evento rugbístico do verán en Galicia, o que non sería posible sen o apoio que desde a primeira edición vén achegando o Concello de Nigrán e a colaboración de todos os patrocinadores que axudan nesta iniciativa.

2019-07-23 - CARTEL PLAYA 2019

Anuncios